16.04.2015 Views

O15. A cidadanía toma a palabra

O xornal do ano do cambio

O xornal do ano do cambio

SHOW MORE
SHOW LESS

You also want an ePaper? Increase the reach of your titles

YUMPU automatically turns print PDFs into web optimized ePapers that Google loves.

4

A Coruña que NON queremos

Dúas malas noticias sacudiron

en días consecutivos a cidade da Coruña

en maio de 2011. Primeiro, unha

derrota en Riazor na última xornada

enviaba ao Dépor a Segunda División,

categoría que non pisara nos vinte

anos anteriores. Ocorreu en sábado.

En domingo, as desgrazas continuaron

—aínda que neste caso o punto de

partida era xa bastante malo— e o PP

que lideraba Carlos Negreira gañaba as

eleccións municipais ao tempo que un

amplo grupo de persoas seguían acampadas

no Obelisco en sinal de protesta

contra as políticas dirixidas polas elites

económicas. Seguramente, malia a non

presentarse, elas foron as triunfadoras

daquela fin de semana. Cambiaba co

15M a percepción política por completo

e comezaba outro ciclo, no que curiosamente

o PP lograba máis poder que

nunca pero a decadencia do modelo político

do estado español —dentro dunha

crise global— convertíase no epicentro

do debate. O mandato de Negreira non

fuxiu deste escenario. Mesmo lle foi fiel

na súa peor versión.

∑ Negreira mantivo a alianza

de lustros do goberno

local da Coruña co 1% máis

poderoso da cidade.

Catro anos

de dispendio

e escándalos

O mandato de Carlos Negreira e o PP á

fronte do Concello da Coruña vén marcado

polos picos máis altos de desemprego e

pobreza da cidade nos últimos tempos, por

casos de corrupción como Pokémon ou

Zeta, por obras de alto custo sen contar coa

cidadanía e pola inacción de María Pita á

hora de xestionar a emerxencia social.

Texto Alejandro Pazos · Ilustración Oskinha.es

Establecendo de entrada unha alianza

clara con ese 1% que levaba décadas dominando

a cidade en beneficio propio

—co aval das siglas do PSOE e mesmo

outras— o PP estreaba mando no pazo

de María Pita con grandes promesas e

boas palabras. O primeiro que fixeron

ao chegar ao despacho foi tiralas ao

lixo. E comezou así un mandato no que

a política local amosou escaso peso e

nula independencia para, dentro das

súas posibilidades, facerse cun oco propio

no sentir popular. E nas súas necesidades.

Alcanzou cifras de triste récord o

desemprego —na actualidade por riba

das 22.000 persoas—, a desigualdade,

os índices de pobreza —47.000 persoas

en risco de exclusión social—, a precariedade

laboral, a pobreza enerxética

ou os desafiuzamentos —máis de dous

ao día— nunha urbe con 19.000 pisos

baleiros na que nos últimos lustros

foron especialmente visibles a burbulla

inmobiliaria e os excesos da banca.

A crise económica golpeou A Coruña

con forza durante todo o mandato de

Carlos Negreira, que mirou para outro

lado, chegando incluso a non solicitar

da UE fondos para combater o desemprego

feminino —que supera o 50%—

ou deixando sen executar millóns de

euros en promoción do traballo ou políticas

sociais. Tampouco se lle viu nunca

apoiando as mobilizacións contra a

perda de servizos públicos. Si actuou

contundentemente para enviar persoal

do Concello a botar xente das súas casas,

o que non sempre lle saíu ben. Porque

a cidadanía ía por un camiño. O seu

goberno local, por outro.

Problemáticas eternas da cidade

seguiron aí, sen que o Concello fixese

nada para satisfacer vellas demandas,

como a fin dos asentamentos precarios,

que nunca foi prioridade para Negreira.

Tampouco o medio ambiente nin a

mobilidade. Os puntos de vertedura á

Ría do Burgo, cuxa contaminación escandalizou

a unha delegación do Parlamento

Europeo, non se tocaron. A

participación popular non existe. Ao

contrario, intentouse silenciar á cidadanía

máis activa creando tecido social

subvencionado con cartos públicos, as

coñecidas como “asociacións de veciños

e comerciantes” afíns ao goberno

local que xurdiron pola cidade para

contrarrestar o asociacionismo tradicional

e independente. Nas rúas seguiron

as denominacións franquistas.

Diñeiro de todos usouse para torturar

animais. Alimentouse a instalación de

grandes centros comerciais ás portas

da cidade mentres se afunde o pequeno

comercio.

A aposta de Negreira non foi polas

políticas sociais, pola creación de riqueza,

polo reparto xusto ou polos

coidados daqueles máis prexudicados

pola crise económica. Polo contrario,

grandes e moi caras obras de máis que

dubidosa rendibilidade, un escaparate

para foráneos de paso e eventos caros

e elitistas foron as súas prioridades,

completamente alleas aos tempos que

se estaban a vivir. Soterrar vinte millóns

de euros nas obras da Mariña-Parrote

converteuse na acción de goberno

estelar malia ás protestas e á evidencia

—alén de que ninguén estea en contra

de facer a cidade máis cómoda e mesmo

agradable— de que os problemas

dos coruñeses e das coruñesas eran

outros. Que tampouco se resolven con

anuncios electoralistas de última hora

no máis puro estilo da vella política. A

superada. A que aparece nas enquisas

entre os primeiros postos das preocupacións

da xente.

∑ Durante o mandato do

PP en María Pita alcanzáronse

as máis altas cotas

de desemprego, desafiuzamentos

ou pobreza.

∑ Máis da metade do Goberno

está a ser investigado

pola Pokémon, co tenente

de alcalde imputado

e grandes sospeitas sobre o

rexedor

A Coruña deu razóns para esa desconfianza

durante o mandato de Negreira,

que sen dúbida será lembrado como o

dos escándalos de corrupción, que alcanzaron

un volume case inédito, só

comparable ao que provocou o adeus

de Francisco Vázquez. Pero nesa norma

o PP local tampouco se afastou

unha coma da norma do seu partido

por todo o territorio estatal. Na era da

Gürtel e de Bárcenas, o Partido Popular

da Coruña puxo da súa parte a operación

Zeta —que chega ata as súas altas

esferas na cidade, moi preto de Negreira—

e, sobre todo, a Pokémon —e a súa

derivada, a Pikachu—, que inzou de imputacións

o equipo do aínda rexedor. O

seu home forte, o tenente de alcalde Julio

Flores, sacrificado na limpeza, non

volverá presentarse. Leva meses no

cargo malia a estar imputado. Un auto

da xuíza Pilar de Lara confirma que

máis da metade da Xunta de Goberno

Local está a ser investigada por unha

trama de presunta prevaricación. A

opacidade e a corrupción como forma

de goberno. Implicado ata Negreira. Un

mandato de sombras.

Hooray! Your file is uploaded and ready to be published.

Saved successfully!

Ooh no, something went wrong!